Día Mundial dos Oceanos 2022

O día 12 de Xuño ímonos de cruceiro ambiental pola Ría de Vigo! Sí, sí, tal e como soa. Temos preparada unha saída marabillosa coa empresa Ocean Secrets.

É ben sabido que máis do 70% do noso planeta é auga, pero con todo, pouco sabemos dos organismos que nel habitan, do que esconde e sobre todo de como se fai investigación no medio mariño en prol do coñecemento e da súa conservación.

A saída que planteamos vai encamiñada a desfacer as nosas dúbidas. Sairemos do Porto de Vigo no barco oceanográfico “Nautilus” e percorreremos gran parte do interior da Ría de Vigo. Polo camiño lanzaremos un robot de imaxe submarina que nos amosará como son os fondos da ría, as bateas e ata un pecio afundido hai anos. Pararemos a comer na illa de San Simón onde dous guías contarannos a historia desta illa, esta vez enfocada dende un punto de vista medioambiental. E, por se fora pouco, faremos unha mostraxe de investigación oceanográfica! Colleremos unha mostra do fondo mariño para observar os organismos que nel habitan (anticípovos que pasaremos por un tipo de fondo moi escaso a nivel mundial, unha xoia da Ría), e colleremos tamén mostras de plancto que poderemos observar o microscopio. Ademais, levaremos un biólogo abordo que irá explicándonos todo o que atopemos.

Coido que é unha oportunidade única para desfrutar ao comezo do verán, de modo que anímovos a completar as 50 prazas ofertadas! Sairemos ás 10:00h dende O Nadador, no Porto de Vigo e estaremos de volta cara as 16:00h. Tedes máis información chamando ao club.

A LISTA ESTÁ ABERTA ATA O 12 DE MAIO. SÓ QUEDAN 9 PLAZAS!

Vémonos no mar!

Cristina Fernández González, vogal de Medio Ambiente