RESUMO I PROBA DA COPA GALEGA DE BLOQUE

O domingo 24 de abril celebrouse a I Proba da Copa Galega de Bloque nas instalacións de Hangar4 na Coruña na que puidemos disfrutar, coma sempre, dun ambiente espectacular. Nesta ocasión, participaron 7 deportistas do noso club, pouco a pouco imos incrementando o número de escaladores e escaladoras que se animan a gozar deste tipo de probas.

Na categoría sub-12 participaron os irmáns Tomás e Emma Díaz e Nico de la Torre que gozaron moitísimo da competición sempre apoiados, guiados e animados polos nosos deportistas máis maiores. Tamén se achegou á Coruña Martina Alonso, pero lamentablemente sufríu unha indisposición antes de comezar a proba e non puido participar, esperamos vela na próxima. Nesta mesma categoría temos que destacar a medalla de prata acadada por Sebastián Franco na súa primeira participación nunha competición despois de terse clasificado en primeira posición para a final. Foi moi emocionante ver como resolvía os pasos coa súa pequena altura, este rapaz promete darnos moitísimas alegrías.

Na categoría sub-18, despois dunha gran rolda clasificatoria, Santiago Franco proclamouse campión desta proba deixando a todo o público coa boca aberta vendo como acadaba os tops máis difíciles e vibrando con el ata o final. Este rapaz xa gañou o ano pasado todas as probas galegas nesta categoría e acadou a segunda posición no Campionato de España de escalada de velocidade. Este ano quedou en cuarta posición no Campionato madrileño de escalada de bloque celebrado no mes de marzo.

Por último, na categoría absoluta feminina, as dúas irmás Araceli e Natalia Vale competiron por primeira vez xuntas. Deron un gran exemplo de unidade, apoio fraterno e superación, acadando Araceli o primeiro posto e Natalia o segundo despois de facerse con tops aos que ningunha participante máis chegou deixando claro que estas irmás pisan forte na escalada feminina galega, mérito polo que Araceli ven de ser recoñecida pola Xunta de Galicia como deportista de alto nivel e Natalia de rendemento deportivo de base.

Moitísimas felicidades a todos os participantes e, en especial, a estes catro deportistas que acadaron o podios nas súas categorías, os irmáns Franco e as irmás Vale. Estes rapaces van dar moito de que falar ao longo deste ano. É un orgullo para o noso club contar con deportistas de tan alto nivel representándonos nas diferentes competicións autonómicas e nacionais.

Deixámosvos unha ampla selección de fotos da proba e dos podios.

Aquí tedes o enlace á clasificación final da proba

Máis fotos aquí

Auga, Muiños e Reserva da Biosfera

Cun tempo mais propio do verán que do mes de Abril, a sección infantil dispúxose a desfrutar da Semana Santa na veciña Asturias pero para que a viaxe non se facera moi longa para as crianzas,  comezamos o xoves 14 por coñecer a famosa Lagoa de Cospeito… sendo un dos ecosistemas hídricos máis importantes do noroeste da península, na que tempo atrás existían 2 lagoas que ocupaban unha extensión de 73,75 hectáreas, pero a meirande parte deste territorio foi desecado na década dos 60 para darlle un uso soamente agrícola.

Sempre que é posible intentamos que has visitas destes lugares sexan guiadas, tal e como así foi. Dunha maneira moi amena puidemos dar conta de avefrías, asubiadores, lavancos, cercetas, patos e anfibios tales como ras, tritóns ou pintegas e tamen vexetación de ribeira coma carballos e bidueiros.

Una vez chegados o campamento base situado no concello de Santa Eulalia de Oscos, comprendimos que o lema “Asturias Paraíso Natural” é por algo. En verdade non pode ser doutro xeito. Estabamos nunha reservas da biosfera: Trátase do río Eo, Oscos e Terras de Burón. Declarada como tal pola UNESCO no 2007 converteuse na primeira comunidade cualificada con esta consideración fora da rede de espazos naturais protexidos. Estes territorios están destinados a promover o o desenvolvemento sostible baseado no traballo das comunidades locais e o coñecemento científico.

Así, o venres 15 puidemos visitar  a casa natal de Antonio Raimundo Ibáñez, marqués de Sargadelos, e coñecer a súa apaixónante historia  e camiñar polas carballeiras que nos acompañan ata a espectacular fervenza da Seimieira con 30 mts. de altura ¡¡¡¡.

O Sábado 16 foi un dia longo pero moi ben aproveitado así que fomos visitar o famoso conxunto etnográfico dos Teixois; o seu muiño, un batan, e unha fragua todos eles en perfecto funcionamento. Todos istes aparellos fixeron a delicia de peques e de maiores tamén.

Unha vez rematada esta visita, percorrimos o sendeiro da Auga e dado o calor que facía, en verdade que o agradecemos. O dia rematou visitando os muíños de Mazonovo, no que os cativos fixeron de muiñeiros practicando con todos eles e dado o seu ben facer, obtiveron un diploma de muiñeiro.

O domingo 17, sen moita presa, recollimos todo e marchamos para o concello de Outeiro de Rei. Alí co pai Miño como testemuña, percorrimos unha parte das chamadas Insuas do Miño que son pequenas illas orixinadas polos sedimentos que o río Miño non é capaz de arrastrar debido a que o terreo é moi cha. Isto orixina que eses sedimentos queden depositados nas ribeiras formando aluvións. Ano tras ano, os sedimentos van medrando e chegan a formar verdadeiras barreiras naturais para o río que ten que buscar camiño formando distintos brazos. O terreo que emerxe entre eses brazos é o que forma as Insuas que son un espazo natural protexido de alto valor medioambiental e forman parte da Reserva da Biosfera Terras do Miño.

 

Todas as fotos aquí

GRANDES DÍAS EN GRANDES MONTAÑAS PALENTINAS

 

Cando coincide unha excelente climatoloxía, un espazo natural fermoso e apropiado para facer montaña da boa, como é a palentina, e unha relación de confraternidade como acostumamos entre nós, o éxito da actividade está asegurado, como así foi.

Mentres centos de coches acudían a Galicia na mañá do día 14 pola A52, nós dirixiámonos en dirección contraria a Velilla del Rio Carrión para facer a primeira actividade onde, dende a crestería do Peña Mayor-Fraile podíamos ollar xa a zona de Alba-Cardaños presidida polo Espigüete e Curavacas que levabamos metido no maxín dende había unhas semanas.

E así foi o día seguinte, mentres uns acudían a Cardaño de Arriba para coller rumbo ao Tres Provincias e Peña Prieta outros,  xa dende Cardaño de Abiaxo, enfilabamos os pasos ata a cara Sur do Espigüete para acadar o seu cume, non sen ter recibido antes un aviso dos habituais nestas montañas; a caída de pedras. Logo de saborear as espectaculares vistas dende o cumio (2450 m) enfilamos a famosa aresta en dirección Este para rematar así, tras os complicados pasos que obrigan a camiñar obrigatoriamente concentrados, unha excelente xornada de montaña.

 

Non foi moi distinta a ascensión ao Curavacas, (2524 m) cunha boa carga de neve na Canal do Callejo Grande que mesmo facilitou o paso pola “Horcada Superior”  que da paso a cara de NE de acceso ao cume. Outra excelente xornada que quedará nos recordos montañeiros dos que a disfrutamos, con moito esforzo ao subir e con moita precaución e cansazo ao baixar.

 

Mentres tanto, unha ruta circular ao norte de Alba de Los Cardaños onde outros compañeiros subiron ao Peña del Tejo (1996 m) con marabillosas vistas de toda a comarca e da Montaña Palentina que mesmo parece que se pode tocar cas mans.

Xa o domingo coa subida ao Peña Lampa, partindo dende Velilla, rematamos esta actividade, preludio da vindeira en Picos de Europa e cos Dolomitas xa no horizonte.

Ollar imaxes do narrado premendo AQUÍ.

E ollar video actividades grupo B : 

 

 

UN PETRÓGLIFO QUE PODE SALVAR UN MONTE -Entrevista a Julio Eiroa-

O pasado venres 15 de abril o diario Faro de Vigo publicaba a case toda páxina un artigo sobre o descubrimento dun petróglifo no Concello de Covelo. No seu subtítulo descubrimos un nome coñecido do noso club. O noso socio Julio Eiroa foi o que deu luz a este gravado rupestre descoñecido ata estes días Puidemos charlar con Julio interesados polo achado e que nos comentase en primeira persoa as súas impresións.

Julio nos conta que se atopaba no lugar do Monte Mancelo na parroquia de San Salvador de Prado en Covelo, onde el tamén reside. Este monte está na bacía alta do río Tea, facendo de unión entre a serra do Suído e o Faro de Avión que tan ben coñece o noso socio. Alí, onde xa descansan 3 mámoas rexistradas por Patrimonio foi onde detectou Julio unha laxe nunha posición non natural.

Conta Julio que alí existe un afloramento rochoso de xisto que percorre as serras do Suído e Faro de Avión de norte a sur e que afloran encartados á superficie como aletas dos escualos. Por esa razón foi tan rechamante aquela lousa pousada xusto na cota deste monte. Deuse conta que unhas cazoletas estaban labradas sobre a lousa pero cubertas con musgo e terra que escondían a ras da pedra estes buracos prehistóricos.

Apenas levantando un pouco a vexetación descubriu que non eran poucas cazoletas, senón mais dunha ducia. Días despois Julio volveo ao lugar con mellor luz e coa certeza de que nese emprazamento non existe rexistro algún de patrimonio tras realizar as pertinentes consultas e investigacións. Nesta segunda visita descubriu que as cazoletas eran mais de 30, algunhas tan grandes que entraba un puño pechado e que tamén se intuían algunhas liñas e trazos. Estaba xa seguro de que estaba ante un achado especial. “Petróglifos en rocha de xisto non son únicos, pero tampouco comúns” nos di Julio, mirando ao solpor nunha rocha de 1,80 m x 1,50 m.

Pero Julio nos dixo que están en perigo. En perigo porque no lugar está planificado un parque eólico de 3 aeroxeradores de última xeración. De feito, no lugar está colocada unha antena anemométrica a apenas 100 m do gravado, e 1 dos aeroxeradores está proxectado a 100 m tamén. ¿Como pode ser isto?, lle preguntamos a Julio. Ó noso socio se encolle de ombreiros dicindo que o proxecto non recolle o petróglifo incluso tras a pertinente prospección e estudo arqueolóxico que é de obriga realizar para a solicitude de autorización. “De seguro que de terse inventariado, o deseño do parque tería que mudar considerablemente para salvar a protección que teñen estes Bens de Interese Cultural de 200 m ao redor”. Por esta razón Julio o fixo público e levantou rexistro de solicitude como Ben de Interese Cultural (B.I.C) ante a Consellería de Cultura e Turismo de modo que agarda que sexa pronto inventariado e protexido có nome de Petróglifo do Coto Mancelo, así nomeado por Julio na honra do monte no que está situado. Tamén nos comentou que o presidente da Comunidade de Montes está moi contento polo achado e ten toda a intención de preservar este patrimonio. Tamén nos constan as felicitacións recibidas por Julio dende a veciñanza que agarda que o lugar se preserve e que eses 3 aeroxeradores non se executen, xa que están situados moi preto das súas casas.

Julio nos transmite que pronto estarán a disposición de todos as alegacións ao Parque Eólico de Mancelo e que nelas estará a súa aportación e proba do achado, xunto con outras problemáticas asociadas ao patrimonio natural que van ser gravemente perturbadas se este proxecto industrial se leva a cabo e o terreo comunal mude a terreo industrial.

Dende o club queremos felicitar tamén a Julio pola súa labor e o compromiso co medio ambiente pero tamén có patrimonio cultural que é de todos. Para nós é un pracer contar con socios coma Julio que, como dicía Patricia Quintas, «fai montaña con ollada de científico».

Ademáis agradecemos a Julio que nos cedera fotografías que son inéditas aínda, coma esta fermosura que vos deixamos aquí. Podedes ver máis do traballo de Julio Eiroa na súa páxina web.

Cristina Fernández, vogal de Medio Ambiente.

Aberta inscrición DOLOMITAS DE BRENTA

 PARQUE NATURAL ADAMELLO BRENTA

Do 30 de Xullo ao 10 de Agosto

 

O Parque Natural Adamello Brenta é a área protexida máis grande da rexión. Ocupa unha superficie de 621 km2 xunto á cadea montañosa dos Dolomitas. Neste parque hai decenas de lagos, glaciares, ríos e cataratas. Hai bosques e prados nos que se pode atopar gran diversidade faunística: gamuzas, cervos, raposos, marmotas e aguias que merodean por todas partes. O Parque Natural Adamello Brenta está situado na parte occidental do Trentino italiano, na provincia de Trento. As paisaxes de montaña desta zona son espectaculares. De feito, a UNESCO incluíu a Brenta na lista do Patrimonio Mundial Natural da Humanidade, no ano 2009, considerándoa unha das montañas máis fermosas do mundo. As súas cimas e as súas impoñentes paredes verticais fan as delicias dos alpinistas. Estamos situados nos Alpes Réticos Meridionais o que implica ter sempre percorridos esixentes e con desniveis que non baixan dos 800 metros.

 

Debemos ir preparados fisicamente e equipados co material axeitado para as actividades que vaiamos facer en cada percorrido. A nosa base de operacións neste campamento de verán está situada a 1.850 metros, en Passo del Tonale.

Nos oito días de montaña temos, como case sempre, dous percorridos para decidir cada día. Cumes con máis de 3.000 metros como Monte Vioz (3.645m), Cima Payer (3.056m), Cima Di Salimmo (3.115m) ou Cima Presena (3.069m). Percorridos con vías ferratas: a vía ferrata Sentiero dei Fiori e vía ferrata Sosat. Lagos tan espectaculares como os de Nambino, Serodoli, Gelato e Lambin. E unha variedade de cumes entre os que podemos citar monte Redival (2.973m), Tonale Orientale (2.696m), Serodoli (2.708m), Piz Galin (2.442m), Lasteri (2.459m), Castablo (2.619m), Castellaccio (2.535m) e Rovaia (2.517m).

Como en anteriores ocasións pódese facer a viaxe en autobús saíndo o sábado 30 de Xullo, ou en avión desde Vigo saíndo o domingo 31. Máis información no club.

                Animádevos a practicar o noso deporte nun Paraíso Natural.

         Aberta a inscrición  dende hoxe día 19 de abril ata o mércores 11 de maio

 INFORMACIÓN PARA MONTAÑA PALENTINA

 

Hora saída bus ás 06:00 h do xoves 14 dende a Praza de España 

Traer mochila de ataque xa preparada para camiñar e roupa e calzado na parte superior do bus para cambiarnos logo, pois  ao rematar a marcha volveremos a coller o bus para ir ao albergue.

Aqueles que teñan praza de pernocta en albergue teñen que levar saco de durmir. Os demáis non.

Obrigatorio piolet, crampóns e casco para subir ao Espigüete e Curavacas, sempre que se teña feito o curso de Montañismo Invernal e as condicións o permitan. Pódese retirar este material no club.

Haberá outras opcións de montaña e sendeirismo cada día para os demais.

Polainas e ropua de abrigo pois haberá neve na zona en partes do percorrido.

Agradécese traer bo humor e gañas de pasalo ben.

Grazas e ser puntuáis.

I Congreso Mujer y Montaña que se celebrará en Santa Cruz de Tenerife

Ya está activa la página web del I Congreso Mujer y Montaña que se celebrará en Santa Cruz de Tenerife a final de mayo.

El I Congreso Mujer y Montaña busca visibilizar, reforzar y promover el papel de la mujer en los deportes de montaña, exponiendo las distintas realidades históricas e intergeneracionales de deportistas y profesionales, con el fin de impulsar su participación en el ámbito federativo en todos sus niveles.

Quienes conozcáis a alguien que esté implicado en investigación sobre estos temas, comentádselo.

Hay muchos trabajos en marcha sobre temas relacionados con la mujer y el deporte que podrían caber en la convocatoria del congreso.

También  pasad la información a personas que lo puedan difundir en universidades o centros de investigación.

La inscripción en el congreso se abrirá próximamente.

La página web https://xn--congresomujerymontaa-m7b.com/

Agradecementos I Ciclo de Montaña, Medio Ambiente e Cambio Climático -Cidade de Vigo-

Este ciclo comezou a tomar forma en outubro do 2021.

Cando se planea algo con tanto empeño, tanta dedicación de tempo e, sobre todo, con tanto agarimo e ilusión, as probabilidades de decepción aumentan porque a esixencia tamén o fai.

A incertidume sobre a acollida deste I MMCC foi ampla durante o traxecto porén, hoxe podo dicir que é un enorme pracer para min escribir estas liñas. Grazas a todos os colaboradores tivemos tres xornadas moi boas.

O primeiro día gozamos da presenza de Sebastián Álvaro, aventureiro e escritor, pero tamén un magnífico orador que nos levou ata o cumio do Everest, vestindo as sensacións e calzando as preocupacións que tiñan Irvine e Mallory no ano 1924. Grazas a el coñecemos un pouquiño máis desta historia e aprezamos o gran esforzo dos exploradores do século XX, tanto ampliando o mapa nos polos como mellorando os levantamentos topográficos dos grandes cumios do planeta.

Sen dúbida, unha xornada marabillosa da que ademais nos levamos un libro asinado por Sebas.

 

O segundo día, mércores 23 de marzo, estivo connosco Ricardo Beiras. El tróuxonos tres obxectos de plástico e fíxonos unha aparentemente sinxela pregunta: “Que é peor para o medio ambiente, unha botella de plástico, unha bolsa compostable ou un xoguete para cativos en forma de guitarra?”

A resposta acadámola tras a proxección do documental “Océanos: el misterio del plástico desaparecido” da produtora francesa Java Films.

Ricardo explicounos que o peor dos plásticos non son soamente os anacos grandes e pequenos que atopamos na auga, senón os compostos químicos empregados na súa fabricación porque lle confiren certas calidades que o plástico de por si non tería. Son  certos aditivos que se empregan como retardantes de chama, que transforman o plástico en algo flexible (coma o caso da guitarra de xoguete) ou que dan cor, entre outros.

A xornada rematou coa conclusión de que a meirande parte das veces os pasos a seguir son:  primeiro, producir o obxecto de plástico e despois, preguntar se é nocivo para o medio ambiente ou para os organismos que entran en contacto cos seus compoñentes. A intención neste campo de investigación é seguir avanzando cara a un mellor entendemento dos efectos destes aditivos e un maior compromiso político que regule tanto a produción coma a transformación e xestión de residuos.

O derradeiro día, o xoves 24, Emilio Fernández ilustrounos en materia de cambio climático. Comezamos falando dos nosos avós, de como eles empregaban enerxía solar (alimento e sacho) para modificar o terreo e de como iso foi evolucionando ata que as máquinas alimentadas por combustibles fósiles, fixeron posible unha transformación do terreo moitísimo maior.

Co documental “Tras las huellas del pasado”, producido pola Universidade de Zaragoza, fixemos un percorrido das condicións atmosféricas dende hai centos de miles de anos ata o presente. Agora si que coñecemos a evidencia científica que sustenta que, efectivamente,  estamos ante un cambio climático! Tras o documental, Emilio amosounos os distintos escenarios aos que nos podemos enfrontar no futuro, dependendo das acción e políticas medioambientais que academos no presente.

A sensación trala conferencia foi agridoce, todo hai que dicilo, pero a partir de agora eu estou segura de que todos nós estrañarémonos un pouco máis cada vez que vexamos luces prendidas sendo de día, estufas ao aire libre ou froita producida, empaquetada e consumida en lugares distintos (do cal xa falamos neste artigo)…

Se algo podemos sacar en claro e en común destas tres xornadas é que consumimos por riba das nosas posibilidades de xestión. Eu, persoalmente, abogo porque cada un de nós tente consumir menos e de carácter máis local. Se as medidas non chegan dende arriba cara  a abaixo, polo menos expoñamos cales son as nosas preferencias e o noso nivel de concienciación ambiental.

Dende Peña Trevinca e a Vogalía de Medio Ambiente, agradecemos á Universidade de Vigo, especialmente a Alexandre Sanjorge e a Delfina Couce, a súa colaboración así coma a Alfonso Mandado a súa presenza neste ciclo.

Tamén a tódalas empresas e entidades colaboradoras, ao Concello de Vigo e a Nuria Rodríguez (Concelleira de Medio Ambiente) por facilitarnos o auditorio E A TODOS VÓS por enchelo.

Finalmente, dende todo o equipo, tamén queremos agradecer a Sebastián Álvaro, a Ricardo Beiras e a Emilio Fernández que fixeran destes tres días o comezo dun fermoso ciclo que esperemos que a cidade de Vigo siga acollendo moitos anos máis.

Será complicado manter o listón tan alto, con esta calidade de comunicadores, aventureiros e investigadores para o vindeiro ano pero faremos todo o que estea nas nosas mans para seguir difundindo coñecemento do medio natural a todos os cidadáns da contorna de Vigo.

Unha aperta,

Cristina Fernández, Vogal de Medio Ambiente.

POLA MONTAÑA PALENTINA

 

14 ao 17 de Abril

 

De Palencia e a súa provincia tense a imaxe tópica e superficial de que as súas paisaxes non son outra cousa que unhas grandes chairas esmagadas polo sol nos seus curtos veráns. Pero a provincia de Palencia non responde a esa imaxe estereotipada, nin moito menos! É unha terra variada, cunha gran alternancia de modelos de paisaxes, debidos en gran medida á súa localización xeográfica dentro da propia meseta castelá.

 

Con estes antecedentes, non nos ha de estrañar que por alí atopemos unhas paisaxes naturais de excelente calidade, polo que unha gran parte do seu territorio está declarado como Parque Natural de Fuentes Carrionas y Fuente Cobre-Montaña Palentina.

 

E, por onde imos camiñar estes días?

 

Polo Val de Tosande; onde percorreremos un dos bosques máis importantes de Castela León xa que en poucos lugares de Europa se poden atopar xuntos tal número espectacular de teixos.

 

 Ascensión ao  Espigüete; (2.450 m) sempre que teñamos as condicións meteorolóxicas que nolo permitan non deixaremos de facer este cume, considerado entre os montañeiros como un dos máis espectaculares da zona e de todo o noroeste, incluído Picos de Europa.

 

Curavacas;  (2.524 m)  outro que non queremos deixar de subir aínda que, o mesmo que anterior, entraña os seus riscos se non se toman as precaucións debidas. A meteoroloxía e o estado da neve caída  estes días serán determinantes no momento de decidir.

 

Peña Prieta; (2.539 m) Extraordinaria alternativa montañeira para adentrármonos no Parque Natural de Fuentes Carrionas e a súa espectacularidade. Cardaño de Arriba  como punto de partida, seguindo a contracorrente, o arroio de Las Lomas e disfrutar deste paraíso natural.

 

E aínda máis;  Pico Murcia, (2.351 m) a Serra do Brezo, Peña Fraile e outras alternativas para percorrer outros sendeiros nas inmediacións do encoro de Camporredondo, espello natural onde se reflexa con beleza a silueta caliza do Espigüete.

 

Excelente oportunidade de ir poñéndonos en forma para as vindeiras actividades en Picos de Europa e os Parques Naturais de Brenta e Adamello, nos Dolomitas, que visitaremos no verán.

 

Ide apuntándovos e facendo a mochila que xa queda menos!!!

3 Días por Cangas de Narcea

 

Mentres en Vigo estaban por reconquistar a cidade, botando fora aos franceses, a nós déusenos por ir reconquistando as nosas actividades fora de Galicia e así que nos fomos á querida Asturies nos límites con León.

E así foi, tres estupendos días polos verdes vales asturianos na contorna do Narcea. O sábado xa botamos a camiñar pouco antes de chegar a Leitariegos e seguindo a ruta de “Por donde camina el oso” chegamos ao Picarín para continuar polo cordal ata as Brañas de Antolín rematando en La Chabola.

Xa na xornada do domingo fixemos dous grupos e deste xeito mentres uns nos dirixíamos ata o “Rabo del Asno” (1889 m) rematando na Ermita del Acebo, outros penetraban no fermoso bosque de Amoal rematando todos visitando Cangas de Narcea e as súas sidrerías, como nón.

 

 

O luns, novamente todos xuntos,  subimos a dúas novas cumes, Golada e Trescolada, antes de pasar pola espectacular Braña de Pedroso, construída na mesma pedreira, para rematar na aldea de Seroiro.

 

Se as rutas por estes verdes e espectaculares vales foron magníficas, tamén o foron as ceas,  xa que o máis probable é que todos volveramos con algún kg. de máis. Seguro que quedaron “compensadas” outras onde ceamos máis lixeiriño.

Podedes ver imaxes AQUÍ.