O feitizo xónico, as dúas culturas, as tres culturas e Edward Osborne Wilson
O pasado mes de decembro deixounos o biólogo máis relevante do noso tempo. Deixounos un inmenso legado. Os seus estudos abranguen os campos da bioloxía evolutiva, xunto a Robert H. MacArthur definiu as estratexias r/k (organismos colonizadores fronte a organismos especializados na sucesión ecolóxica), ou da bioxeografía (estudo da evolución biolóxica das especies e da súa liñaxe na historia, modulada pola tectónica de placas e os factores ambientais). Coa súa teoría da bioxeografía insular influíu tanto na ecoloxía que foi a pedra angular da bioloxía da conservación que se utiliza na planificación de parques e reservas de todo o mundo1.
Un apaixonado conservacionista, deixounos instrucións para salvagardar a biodiversidade. Termo acuñado por el, propuxo protexer o 50% da superficie terrestre e mariña para que as especies dun lugar puidesen substituír ás que estaban extinguidas noutro. Este postulado reflíctese na acción 30×30 da ONU (30% do territorio en 2030)2.
Se os seus traballos en bioloxía evolutiva son relevantes, eu destacaría os que se refiren ao ámbito do comportamento: de onde vén a creatividade humana, cal é o motivo do noso sentido de conexión coa natureza e o aprecio por outras formas de vida. Wilson foi o maior especialista en formigas, clasificou máis de 400 especies. A partir do seu traballo cos superorganismos (poboacións de insectos sociais: formigas, térmites, abellas e avespas), introduce por primeira vez o concepto de sociobioloxía -comunicación animal e división do traballo- como unha nova disciplina: o estudo do comportamento social con orixe biolóxica.
As vangardas nunca estiveron exentas de polémica, e é neste campo onde se produciron os debates máis fervorosos da ciencia moderna. O termo sociobioloxía xorde como un intento de alongar o concepto de selección natural aos sistemas e ao comportamento social dos animais, incluído o home (seres vivos gregarios). Aínda que se admite que os xenes de comportamento son herdables, os seus patróns son modificables e mesmo desaparecen no proceso de selección natural dos animais, porén, o intento de explicar os comportamentos racionais e funcionais humanos co xenoma, obviando a influencia da cultura e do ambiente segue sendo controvertido. A publicación do seu libro “Sociobioloxía” provocou non só unha revolución científica senón tamén política. A sociobioloxía interpretouse como unha defensa do determinismo xenético, é dicir, que o comportamento está programado nos xenes e que o entorno inflúe máis ben pouco. Movementos de extrema dereita e neoconservadores, partindo dunha visión supostamente sociobiolóxica e científica, defenden ideas racistas, xenófobas, homófobas, supremacistas e sexistas. Acusase á sociobioloxía de pretender xustificar o statu quo das sociedades, defendendo que as persoas menos favorecidas seguirán estándoo sen posibilidade de mellorar dado que a educación e a cultura non poderán suplir os seus déficits. Tamén é criticado polo concepto de libre albedrío humano ao pretender reducir o comportamento aos xenes3.
Dentro do campo darwiniano, os antropólogos cren que os homes están determinados pola súa orixe social e a cultura, mentres que os animais están determinados pola súa herdanza. Porén lévase debatendo sobre o determinismo e do libre albedrío dende o s. XVIII4.
Neste século, disóciase a filosofía da ciencia. Onde a ciencia acumula tanto coñecemento que é necesaria a especialización do científico, así como a do filósofo. Pero o progreso utiliza ao científico como produtor. Desde entón, o principio de eficacia foi priorado fronte ao plus de coñecemento que mingua o seu papel de produtor5.
O libro máis estimulante para min de Edward O. Wilson, “Consiliencia: A unidade do coñecemento humano”, trata esa necesidade de recuperación da unidade. No seu primeiro capítulo fala o autor do «feitizo xónico», a expresión orixinal é do físico e historiador da ciencia Gerald Holton. A súa orixe coincide co nacemento da filosofía, que contén a semente das ciencias e que –en palabras do propio Wilson– «significa a crenza na unidade das ciencias, unha convicción, moito máis profunda que unha simple proposición de traballo, de que o mundo é ordenado e pódese explicar por un pequeno número de leis naturais». Para Wilson, ese momento histórico no que se enuncia este ideal está representado pola Ilustración dos séculos XVII e XVIII, na que existe “a maior empresa da mente”, é dicir, “o intento de conectar as ciencias coas humanidades”. A clave de tal unificación é a «consiliencia», termo que Wilson toma de William Whewell, e que fai referencia á coherencia de que só na confluencia dos coñecementos aglutinados nas ciencias naturais e os que cultivan as humanidades poderemos aspirar a certezas sobre o que somos.
Wilson, continuando coa súa tese da sociobioloxía, equipara mente e cultura -obxectos das ciencias sociais e humanidades- con procesos e entidades materiais e, polo tanto, abertos á análise do método científico das ciencias naturais, e sinala a perda das raíces biolóxicas por parte das humanidades. Desataría unha tormenta. Sociólogos, filósofos, antropólogos, científicos sociais, humanistas… denunciarían o reducionismo das teses de Wilson, e poñen en tea de xuízo se debe ser a ciencia o paraugas sobre o que se aglutine todo o coñecemento.
Remataría o argumento respondendo ás críticas na súa obra “Sobre a natureza humana”. Aínda que as Humanidades describen a condición humana non explican por que é esta e non máis ben outra. A visión científica é moito máis ampla. Inclúe o significado da existencia humana: os principios xerais da condición humana, onde a especie encaixa no Universo e, en primeiro lugar, a razón da súa existencia».
A mediados do século pasado, Charles Percy Snow, científico e novelista, co seu libro “As dúas culturas” pon de manifesto esta división do coñecemento. Ponse no centro do debate a contribución das ciencias ao desenvolvemento das civilizacións pero non na toma de decisións, máis ben restrinxida ás ciencias sociais e ás humanidades6.
Foto 1. Edward O. Wilson. Fonte da foto CORBIS
Xa no s. XXI Jerome Kagan publica “As tres culturas, Ciencias Naturais, Ciencias Sociais e Humanidades”. Kagan non ve factible a consiliencia das tres culturas por varias razóns. Unha primeira ten que ver co uso dun vocabulario propio de cada cultura, así mesmo se argumenta que as ciencias naturais, a pesar de ser vistas por moitos como pertencentes a unha única categoría, presentan profundas diferenzas, para as que toma como exemplo a física e a química, por unha banda, e a bioloxía, por outra. Unha segunda, a diferente influencia que a historia ten en cada un deles. A maioría dos problemas considerados polas ciencias naturais están menos afectados polas vicisitudes do tempo que os que se enfrontan ás ciencias sociais e as humanidades. Un último aspecto, refírese á diferente función que cada unha das tres culturas cumpre na sociedade, contrarrestando a excesiva influencia dun determinado punto de vista7.
Se os primeiros científicos naturais, especialmente Kepler, Galileo, Bacon e Newton, asumiron esta responsabilidade cando a filosofía cristiá dominaba o pensamento europeo, e os seus traballos fomentaron as ideas da Ilustración, as novas condicións deixaron aos escritores, poetas, filósofos, historiadores e científicos sociais como a leal oposición a un determinismo materialista que se sobrepón ás emocións e aos comportamentos humanos, ao tempo que minimiza a influencia da cultura, dos valores e do momento histórico que dan sentido ás palabras, fontes de incerteza, e ao intento de cada persoa de dar coherencia a súa propia vida.
Como consideración final diremos que a seriedade das críticas á imposibilidade de conseguir a unificación das distintas ramas do saber, xerou un dos debates máis fervorosos, e como pouco produtivos, da sociedade. Obrigou ás diferentes culturas a definirse mellor nos seus conceptos, na súa linguaxe e no seu papel na sociedade. Tamén obriga ao mundo académico contemporáneo a achegar científicos e técnicos aos científicos sociais e humanistas.
Aínda non concordando coas teses de consiliencia, podemos entender a complementariedade das tres culturas tal e como afirma Wilson ao final do libro: “A ciencia e as humanidades, é certo, son fundamentalmente diferentes entre si con respecto ao que din e ao que fan. Pero son mutuamente complementarios en orixe e proceden dos mesmos procesos creativos no cerebro humano. Se unes o poder analítico e heurístico da ciencia coa creatividade introspectiva das humanidades, a existencia humana terá un significado máis interesante e produtivo».
Raimundo Alonso. Comité da Vogalía de Medioambiente.
Lecturas recomendadas:
Consiliencia: a unidade do coñecemento. Edward O. Wilson. Ed.Círculo de Lectores / Galaxia Gutemberg
Sobre a natureza humana. Edward Wilson Ed. Fondo de cultura económica de España s.l.
Medio planeta. A loita polas terras salvaxes na era da sexta extinción. Edward Wilson. Ed. Errata Naturae.
Homo Deus. Yuval Noah Harari. Ed. Debate
Referencias:
1National Geographic. “Tras el legado de Edward O. Wilson, un gigante de la biología”. Dispoñible en: (https://www.nationalgeographic.com.es/ciencia/tras-legado-edward-o-wilson-gigante-biologia_17714)
2Busines Insider. “Muere a los 92 años Edward O. Wilson, naturalista considerado como el ‘heredero natural’ de Darwin”. Dispoñible en: (https://businessinsider.mx/muere-edward-o-wilson-naturalista-heredero-darwin_ciencia/)
3Nahum Montagud Rubio..”Sociobiología: qué es y qué temas de investigación propone”. Dispoñible en: (https://psicologiaymente.com/social/sociobiologia)
4Javier jiménez. “La ciencia lleva siglos luchando contra el libre albedrío: así es como uno de los grandes problemas filosóficos se resiste a morir”. Dispoñible en: (https://www.xataka.com/investigacion/mito-libre-albedrio-debate-somos-arbitros-nuestro-propio-destino-simples-marionetas-carentes-valor-3)
5José María Agüera Lorente. “El pulidor de lentes”. Dispoñible en: (https://filosofiaenlared.com/2021/12/el-pulidor-de-lentes/)
6Darío Valencia Restrepo. “La unidad del conocimiento”. Dispoñible en: https://www.valenciad.com/files/LaUnidadDelConocimiento3.pdf
7Adela Cortina. “el futuro de las humanidades”: Dispoñible en: (https://www.scielo.cl/scielo.php?script=sci_arttext&pid=S0718-22952013000200015)