A COMPOSTAXE. Seres invisibles aliados de Albert Einstein.

Paisaxe de outono-Julio Eiroa

Onde vai parar toda a materia orgánica cando morre ou deixa de formar parte dun ser vivo? Onde van as follas dos árbores caídas, as nosas mondas das mandarinas, o papel de limpar a cociña, os seres vivos que pasan a mellor vida. Como é que neste planeta non se acumulan os restos orgánicos ata o infinito? Existen seres que a fan desaparecer? Viaxan no camión do lixo? Expóñovos estas preguntas porque non todo o mundo ten claro que sucede despois de que un ser vivo, ou parte de el, morre.

Pois si, ademais do camión do lixo e dos contedores de cores existen uns seres microscópicos e pouco visibles aos nosos ollos que se encargan de transformar toda a materia orgánica que rematou as súas funcións. Son os organismos descompoñedores. Microbios, fungos, mofos e tamén invertebrados responsables de que a enerxía se transforme e sexa de novo aproveitable por outros organismos pechando o ciclo.

Fungos actinomicetes que son visibles durante o proceso de compostaxe-Julio Eiroa

Isto que sucede na natureza de modo natural, sen artificios, cos seus tempos de rigor, podemos aproveitalo para facer fronte ao incremento do residuos orgánicos que producimos no noso modo de vida. Non se trata só de rematar rápido un proceso natural, senón de conseguir un resultado en forma de produto con alto valor fertilizante. Así, cientificamente, varios equipos levan anos estudando a transformación da materia orgánica para conseguir optimizala. De esta labor científico-industrial derivan varios procesos que son denominados BIOPROCESOS nos que o ser humano ten un papel principal. Por dicilo de modo coloquial, un bioproceso é un proceso natural que pode ser mellorado pola acción humana con coñecementos suficientes. Así, a compostaxe é considerada un bioproceso. ¿Sucede a compostaxe na natureza? A resposta é non. Ocorre a descomposición da materia orgánica, pero cando o ser humano se mete polo medio, estamos a falar dun bioproceso con nome propio: a compostaxe. Comprendida esta importante distinción podemos achegarnos aínda mais.

No ano 1987 os investigadores Franco Zucconi e Marco de Betoldi1, definiron no seu artigo científico o bioproceso da compostaxe. Como era de agardar, a definición técnica recolle de maneira completa, todos os factores que afectan e condicionan este proceso. Fala de aerobiose, de microorgaismos, de fase termófilas, e outros parámetros que podemos simplificar. A compostaxe é un proceso onde restos orgánicos son transformados por microorganismos descompoñedores en presencia de osíxeno e humidade e sempre controlado polo ser humano, conseguindo un produto final de consistencia terrosa que se denomina compost.

Este proceso pode ter lugar en instalacións industriais ou no mesmo eido da casa. A grande vantaxe da compostaxe é que pode adaptarse e escalarse a un nivel caseiro ou doméstico. Dende logo, sempre opinei que non hai mellor compost que o que un pode facer no seu ámbito doméstico. O motivo principal reside en coñecer ao 100% os restos orgánicos que se utilizan, que son a causa de problemas diarios cando a escala pasa a ser industrial. Pola contra, na casa o proceso queda limitado aos tempos libres que nos quedan e os coñecementos que imos adquirindo en cursos, talleres ou artigos como este que estades a ler. Iso agardo. Imos respondendo as preguntas clásicas sobre a compostaxe.

Que podemos compostar no fogar? Cales son as materias primas mais adecuadas?

Pois a resposta a estas dúas primeiras cuestións é simple: calquera resto ou residuo orgánico que se produce no ámbito doméstico. Pero o certo é que algúns son mellores ca outros, como os restos vexetais e os restos de comidas do noso fogar. Tamén os cortes de herba, podas, estercos animais, restos de comida con carne, peixe, aceites, papel e cáscara dos ovos. Os restos de carnes e peixes poden dar algún problema con outros seres vivos que igual queren participar “sen invitación” do proceso. Logo hai restos mais e menos custosos de descompoñer. A mellor mestura é aquela que aporta nitróxeno e carbono nos restos orgánicos. Xa que son o alimento dos microbios e fungos descompoñedores. Así, restos da comida poden incorporarse xunto con restos mais carbonados, como serraduras ou restos de poda.

Cales son os factores que debo controlar e determinan o proceso?

Aquí é onde asoma o señor Einstein, pois debemos dispor dun espazo e tempo para compostar. O espazo pode ser un par de metros cadrados onde realizar a acumulación dos restos. Poden depositarse en recipientes comerciais, que todos coñecemos como “composteiros”. Non é imprescindible que teñamos un composteiro propiamente dito. Podemos construílo de modo artesanal con madeiras ou outros materiais a modo de caixón, mentres non sexa estanco, aínda que tampouco debe quedar a total intemperie. Por outro lado está o tempo. Xa está a amosar a cabeza Einstein de novo. Necesitamos tempo para poder participar no proceso, controlar e favorecer a humidade e a aireación.

Composteiros domésticos. Versión comercial e versión artesanal. (Fotografías do libro “Manual de compostaje”. Amigos de la Tierra. Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino 7).

Canta auga necesita? Necesita osíxeno?

A humidade e a aireación son fundamentais para que o proceso de compostaxe ocorra. Recordamos que se trata dun proceso no que os microorganismos e fungos son coma nós, xa que necesitan auga e osíxeno para as súas funcións vitais. Podemos dicir que o proceso de compostaxe é un proceso húmido. Necesita, polo menos, un 40% de humidade para que aconteza, sendo este valor un mínimo limitante. Por debaixo del, o proceso párase. Pero a humidade non debe ser excesiva. E isto si que soe ser o problema común da compostaxe doméstica. Cando nos parece que a mestura a compostar está seca aportamos agua cando, en realidade, nas capas profundas, a humidade é a correcta.
Un problema é regar mais do debido producindo unha descomposición sen osíxeno (anaerobia) que pronto se delatará por un cheiro a ovo podre (xofre). A técnica do puño é a opción rápida, barata e eficaz de determinar se a humidade da mestura a compostar é a adecuada. Collemos unha puñada do material e o apertamos con todas as nosas forzas. Logo de abrir a palma da man, o material caerá e deberíamos ver mollada a man. Se non é así, estanos a indicar unha falta de humidade. Se o apertalo escorre a auga entre os dedos, non indica que ten demasiada auga. Sempre que incorporamos material ao composteiro é conveniente regar, pero se os restos que botamos son ricos en auga (froitas, verduras, …) quizá podemos evitar regar, xa que a propia descomposición destes restos aportará a auga para o proceso.

O outro factor importante a controlar no proceso, sexa industrial ou doméstico, é a presenza de osíxeno na mestura. Os microbios e fungos protagonistas do proceso son aerobios e necesitan a presencia do osíxeno para vivir. Agora quizá comprendamos que se a humidade é excesiva, a auga ocupa os ocos e poros desprazando ao osíxeno, convertendo o proceso en anaerobio, en vez de aerobio.

Técnica do puño para estimar a humidade na compostaxe-Julio Eiroa

Existen varías fórmulas para favorecer a aireación e a chegada do osíxeno. A primeira fundamental no momento de comezar, cunha mestura esponxosa ou fibrosa, nunca pastosa. Polo tanto, sempre que os restos sexan de consistencia pouco fibrosa, deberíamos aportar material que mellore a estrutura, como son os restos de podas, cortas, vexetais, serraduras, etc… Estes materiais tamén se descompoñerán, pero ademais aportarán a esponxosidade necesaria para que corra o aire polo medio do material. O segundo é participar do proceso de forma pasiva ou activa. Esta última consiste en remover toda a masa a un novo lugar (ao carón). Con este simple xeito, favorecemos o intercambio de gases e a aireación do material. De modo pasivo, podemos deixar polo medio uns tubos de pvc con buracos que farán de “cheminea”. Todo depende do tempo que dispoñamos e do espazo. O que si é seguro é que canto mais activos sexamos, mais rápido acadaremos resultados.

Como sei que a compostaxe está a suceder?
A calor é a mellor testemuña de que a compotaxe ocorre. Durante a dixestión da materia orgánica ten lugar unha sucesión biolóxica de microbios e fungos descompoñedores que, grazas a súa actividade vital, van a aumentar a calor do material. Se trata dun proceso termófilo, é dicir, a temperatura do material en compostaxe aumenta ata valores que chegan aos 70º centígrados que imos apreciar de seguro. ¡Tranquilo todo o mundo que non arde espontaneamente!

Tamén é certo que para que a calor producida pola actividade microbiana se poda manter é necesario que exista unha masa crítica, ou un volume mínimo de material. De non ser así, a calor disiparíase e o proceso pode frearse ou incluso parar por completo. Con 500 litros (1/2 m3) de material xa conseguiremos que a calor se sosteña.

Para monitorizar a temperatura podemos botar man de termómetros xa destinados para compostaxe doméstico que venden nas tendas de agrotecnia, ou de termómetros resistentes que poden ser introducidos dentro do material. Pero a calor se detecta doadamente cun pequeno buraco ou no momento de airear.

Temperatura de compostaxe. 70ºC asegura a hixienización e a descomposición da materia orgánica mais recalcitrante-Julio Eiroa.

E a pregunta do millón (de microbios), Para que compostar?
Pasado un tempo, algunhas semanas ou pode que meses ou incluso un ano (dependerá da cantidade de material e do activos que sexamos no proceso) toda a materia orgánica terase transformado en compost. Un material tamén sólido, escuro, con consistencia terrosa, con cheiro a bosque húmido e hixiénico. Non saberás distinguir de que esta feito. Son boas novas.

As bondades deste proceso de valorización son múltiples. Por unha banda temos a redución da cantidade de materia orgánica que vai na bolsa de lixo e que na inmensa maioría dos nosos concellos remata en incineración, coa consecuente colaboración a emisión de gases contaminantes a atmosfera. Tamén que estamos a valorizar un subproduto ou residuo para converterse nun produto de alto valor fertilizante para o solo. Así, o compost é un fertilizante orgánico natural que ao mesmo tempo é emenda, é dicir, aporta nutrientes fundamentais para os microbios e macrofauna do solo e para os cultivos, mellorando a estrutura física do solo, conseguindo un equilibrio no tempo compatible coa agricultura sostible a agroecoloxía, acorde coa Directiva Marco de Residuos europea2,3.

A fertilización ou emenda orgánica dos cultivos permite reducir o aporte de fertilizantes químicos complexos de fabricación industrial. De novo, colabora na redución de gases de efecto invernadoiro, ademais de protexer ao solo da toxicidade por acumulación das sales químicas que aportan este tipo de fertilización química4,5.

O proceso de compostaxe, grazas a fase termófila, favorece a descomposición e inactivación de sustancias tóxicas e patóxenas importantes para os seres vivos, tanto para animais como para as plantas. Se trata dun proceso que hixienizador.

Ademais, o proceso da compostaxe é totalmente compatible e viable con outros bioprocesos de valorización de residuos orgánicos como son a vermicompostaxe (da que escribirei o seguinte artigo) ou a produción de biogás ou metanización6.

Non podemos esquecer que este proceso, que semella industrial, pode conseguirse a nivel doméstico, no fogar, na escola, na oficina, etc… A unha escala diferente pero non menos viable, favorecendo a adquisición de valores de consumo responsable de materiais de difícil reciclaxe, de separación correcta do lixo, de compromiso co medio ambiente tanto en aplicacións teóricas como prácticas nos solos. Se trata dun proceso natural perfecto para educar conciencias e actitudes sostibles no tempo e no espazo.

Julio Eiroa Mera, Comité da Vogalía de Medioambiente.

Referencias bibliográficas:
1Zucconi, F.; De Bertoldi, M. (1987) Compost Specifications for the Production and Characterization of Compost from Municipal Solid Waste. En, De Bertoldi, M.; Ferranti, M.P.,; L′Hermite, M.P.; Zucconi, F.; Eds.; Compost: Production, Quality and Use. Elsevier, London, 276-295.

2Noticia publicada na Voz de Galicia o 21 de marzo de 2021, sobre a falta de financiación para tratamentos mecánico-biolóxicos dos residuos. https://www.lavozdegalicia.es/noticia/barbanza/2021/03/10/xunta-asegura-europa-dejara-financiar-modelos-gestion-residuosalternativos-sogama/00031615378150145462841.htm

3Directiva Marco de Residuos. https://eur-lex.europa.eu/legal-content/ES/TXT/?uri=LEGISSUM%3Aev0010.

4Domínguez, J.;Mato, S. (1999) Qué é a compostaxe. En, A compostaxe de residuos. Ed. Adega, pp. 5-12.

5Domínguez, J.; Mato, S.(2001) Principios básicos da compostaxe da fracción orgánica dos RSU. En: Tratamento de residuos sólidos urbanos. Ed. Universidade da Coruña. pp 153-170.

6Campos, E.; Elías, X.; Flotats, X. (2005) Procesos biológicos: digestión anaerobia y compostaje. En, Tratamiento y valorización energética de residuos. Díaz de Santos y FUNIBER. pp 618-1206.

7Manual de compostaje. Amigos de la Tierra. Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino. PDF online: h t t p s : / / w w w. m i t e c o . g o b . e s / i m a g e s / e s /Manual%20de%20compostaje%202011%20PAGINAS%201-24_tcm30-185556.pdf