DE TODO NO COUREL

Pensamos que é un bo título para resumir o vivido a pasada finde no Courel.

Actividade a que acudimos coa S. Infantil-Xuvenil  e na cal coincidiron, anecdocticamente,  dous socios recen chegados ( catro días como tal uns) con outros dous que xa levan 60 anos…e seguen. Grande o noso Club.

Bo tempo para camiñar o sábado e tremenda noite de choiva xa pola noite e na mañá do domingo. Circunstancia esta que nos levou a pospoñer a visita a Rogueira e baixar  a Quiroga para visitar dous museos, xeolóxico e etnográfico.  Sabia decisión pois pagou moito a pena e animamos a que non os coñeza  a que os visite en canto poida.

Antes da cea tivemos unha animada “previa” cunha actuación inesperada de Santi Veloso  e Enrique Toba e as súa guitarras, EXTRAORDINARIO.

Logo xa na noite, e tras cear….MAGOSTO A TOPE:  Música tradicional con tres gaiteiros, Anselmo, Toba e Isma, tamboril e varias pandereteiras que, xunto cas animadas voces, fixéronnos pasar unha boa troula a pesares de que a choiva continuaba os poucos. MOITAS GRAZAS A TODOS. Ah…tamén xantamos castañas asadas, claro, con algún “acompañamento” da terra.

 

Xa o luns visitamos a Devesa da Rogueira en tres grupos. Antes de comezar puidemos disfrutar  das explicacións sobre botánica e as características naturais  especiais que agocha esta devesa a través das explicacións que nos deu  o socio Raimundo Alonso. Moitas grazas tamén pois complementou  perfectamente a iniciativa da Vogalía de Medioambiente que promoveu esta actividade da man  da vogal Cristina Fernández.

E, por si era pouco, mais de dez socios/as participaron no CONCURSO FOTOGRÁFICO  do cal  nestes momentos podemos dicir que xa doce fotografías  (6+6  de cada temática)  pasaron a primeira criba antes de ser expostas no club e determinar as gañadoras, decisión que, tal como recollen as bases, o xurado emitirá o 19 de novembro.

Un grato recordo dos que participamos que podemos rememorar AQUÍ

PREMIO GALICIA Á XESTIÓN SOSTIBLE NO DEPORTE 2020

PREMIO GALICIA Á XESTIÓN SOSTIBLE NO DEPORTE 2020

  (AGAXEDE)

Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia

O pasado 19 de outubro, nun acto celebrado no concello de Arteixo, o Club Peña Trevinca Montañeiros de Galicia recibía o premio á Xestión Sostible no Deporte 2020.

A Asociación Galega de Xestión Deportiva (AGAXEDE) tras a  reunión do xurado o 28 de setembro de 2021, así nolo comunicou. Este premio revaloriza todo o traballo que no eido deportivo, e de maneira altruísta,  foi desenvolvendo a nosa entidade durante máis de 75 anos. Tamén se fixo constar, e así o resaltaron, o labor que nos últimos tempos se vén levando a cabo relacionado co medioambiente e a súa defensa.

Este galardón ten un gran significado para o club e para os seus socios, máxime tendo en conta que o xurado estaba composto por entidades tan significativas como a Secretaría Xeral para o Deporte, a Fegamp, a prensa deportiva, a Ufedega, as Facultades de Ciencias do Deporte de A Coruña e de Vigo e o Colef-Galicia.

Nun acto entrañable e co auditorio cheo de autoridades do mundo do deporte, da empresa e deportistas, recibimos este recoñecemento de man de Alfonso Mandado, director da Área de Deportes  da UVigo e persoa dunha longuísima traxectoria, tanto deportiva como de representación no mundo do deporte a nivel nacional.

Xunto co noso club, tamén foron premiados nesta XI edición, polo seu traballo a prol do deporte e da sociedade, as seguintes entidades e persoas:  Fundación Deporte Galego, da Xunta de Galicia, o Concello de Baiona, Abanca, a  Fundación Emalcsa, a carreira S. Martiño de Ourense, Global Traktus e Juan Antonio Muñiz Barbeito e Francisco García Bello (recoñecementos especiais a toda unha traxectoria no  mundo do deporte). Como mellor xestor deportivo foi nomeado  Roberto Ramos Piñeiro (socio fundador e CEO do Grupo BeOne).

Foi un enorme orgullo poder representarvos a todos vós, socios e socias, e tiven ocasión tamén, nunhas breves palabras dirixidas ao público, de lembrar o espírito co que nacía o noso club, en 1944: fomentar o asociacionismo naturalista e deportivo. Unha pretensión que, entre tantas persoas que pasaron  por esta asociación, fixemos realidade.

Seguiremos traballando por iso e mais pola defensa do medioambiente, unha necesidade imperiosa hoxe en día.

PARABÉNS A TODOS E A TODAS POR ESTE GALARDÓN.

Carlos Garrido Costas.

Ver imaxes AQUÍ